As voltas do mundo
0:49:00 | Author: forza4
As semanas pasadas téñenme mareado, e non é que eu sinta mareos nin cousa semellante, pero, con todo, non me acabo de atopar.

Respondo a moitas cousas con medo, con ese o que me tento enfrentar cada día, pero, ás veces, semella que me supera, e é dificultoso facer as cousas con algunha fobia sempre enriba.

Pero, o primeiro, que, evidentemente hai que facer é non se render, e ir adiante pase o que pase, e, sobor de todo, dar as grazas a quen as merece, e creo que na próxima semana, máis dunha persoa vai recibir o meu agradecemento persoalmente.

Mais tamén, vexo que teño que ter claro cando podo estar dispoñible e cando non para os demáis. Un compañeiro fíxomo ver ben ás claras. A verdade é que teño que priorizar certas cousas xa que, aínda que ás veces un se poida saltar as prioridades... só debe ser contadas veces, e iso semella ser o que falla.

E todo para tentar que, cando de a volta o mundo, non nos pille por baixo
Recuperar a vida
3:10:00 | Author: forza4
Ás veces, vémonos un tanto perdidos, e non sabemos cara onde ir. Así estou neste momento, atrapado nos meus pensamentos, nas miñas fobias, nos meus medos, plantexándome cada intre como inutil...
Mais sei que, dentro de min, áchanse moitos azos de ir adiante, de superar uns dificiles momentos q ue duran xa demasiados, miles de días mesmo, e que semellan cronificados.

Mais se algo hai de certo no mundo é, como un coñecido lema comercial di, que os cambios ocorren. Mais os cambios non ocorren porque si, fundaméntanse nalgo, están moito tempo en preparación longo tempo. Pasa esto co positivo e co negativo.

No eido positivo, cambiar algo a mellor leva esforzo e tempo de preparación, realización e consecución dos obxectivos positivos que nos propoñemos.

No eido negativo para nos, por exemplo, algúns tipos de virus que hoxe afectan á raza humana tardaron milenios en conseguir un xeito de adaptarse ao noso sistema defensivo, celular, hormonal e/ou un grande etcétera de resortes electrobioquímicos, que lles permiten adentrarse ata as células hóspede, por veces, con pasmosa eficacia.

Tamén se precisan anos de investigacións para conseguir remedios contra as enfermidades para que, finalmente, os resortes que conseguiran virus e bacterias para infectarnos, básicamente non lles valan de demasiado.

Por eso mesmo, moitas veces, para recupera-la vida, pode que nos comprometamos a non poñernos prazos para poder cumprilos. Sei que semella unha tolemia, pero se non nos damos prazos para certas cousas poderemos, dende unha certa tranquilidade, afrontar os retos diarios, para así poder organizar as semanas, os meses, os anos... dun xeito moito máis natural.

Cecais me sirva a min, e ogallá, pois é o que intento (aínda que aínda non conseguín non darme prazos ao 100%), e, ogallá a algúns e algunhas de vós vos sirva tamén, e vos axude a ir adiante e conseguir os vosos obxectivos.

Forza4.
Fonte do pensamento...
0:25:00 | Author: forza4
Aínda que está en castelán... gostaríame que lérades esta pequena composición miña, e agardo que vos sirva, alomenos, é o resultado de que alguén removeu algo no meu interior.

Velaquí vos deixo a ligazón:

http://eolica-es.blogspot.com/2008/09/fuente-del-pensamiento.html

E próximamente... máis deste tema... non me perdáde-la pista ;).
Sono
2:04:00 | Author: forza4
Teño sono. Pero un desaforado. Cecais... algo que outros días agardaba con impaciencia, pero hoxe me molesta, mesmo para pensar en durmir.

Con todo, non é raro: preciso descansar. Supoño que todos o precisamos, pero, en intres coma este, cecais o precise dun xeito especial.

Teño que tomar folgos para, en poucas horas, comezar un longo e, agardo, que produtivo día. Unha xornada que me leve a aquelo que desexo dende hai tempo: vivir realmente.

Forza4.
(des)inhibicións
14:28:00 | Author: forza4
Levo anos buscando razóns. Razóns para o que me impide concentrarme, que me impide estar a unha soa cousa, e outras veces, faime estar tan concentrado que me abstraigo do resto do mundo.

A explicación semella sinxela: fállanme os inhibidores latentes..

¿Inhibiqué? -estarédesvos a preguntar.

E é que os inhibidores latentes son uns circuitos cerebrais que filtran a información non relevante para podernos centrar especialmente no que se supón relevante.

Suponse, entón, que nos axuda a sobrevivir, pero non necesariamente a operar con creatividade. É máis: seica semella que o fallo nestes circuitos pode estar elacionado coa empatía e a cratividade, mentres que un funcionamente sen fallo algún destes circuitos cerebrais poderiannos levar a distintos xeitos de "desarreglos mentais" como poden ser certos xeitos de autismo.

Seica, tamén, que algúns científicos, aos que non lles fallaban estes circuitos, máis que dignos de admiración, o son de comprensión porque semella que persoas coma Newton podían botarse moito tempo a traballar sen acordarse de comer, o que adoita dar problemas a medio ou longo prazo.

Se queredes saber máis, suxírovos esta interesante lectura:

http://www.eduardpunset.es/blog/?p=76
(en castelán)

porque penso que, aínda que relativamente breve, é unha lectura altamente recomendada.
Outro día máis
4:02:00 | Author: forza4
¿A veces non vos pasa que semella que varios días se convertiran nun día contínuo de non parar, no que o descanso non é descanso?. Pois esto ven de pasarme a min.

Mais, con todo, vou buscando o descanso alí por onde asoma, buscando a noite na que poida durmir decentemente, e que faga que os días volten a ser días, as semanas se tornen semanas de novo, e que o desenrrolo natural das cousas, siga o seu desenrrolo natural.

E é que soño con aquel día no que, tras durmir as miñas correspondentes 8 horas, me erga antes do amencer, me duche, e vaia a dar unha volta correndo, cando xa a luz do día se comeza a albiscar, e ir notando como o amencer se achega, e, cando chegue aló arriba, mire para a cidade, e vexa como o sol amence, e a cidade, morriñenta, vai erguéndose, activándose e un novo día comeza.

Pero para comezar todo iso, voume ir durmir: Boas noites. ;).

Forza4.
Primeira Fase: Negación
1:35:00 | Author: forza4
¿Dádesvos conta?... A primeira vez que tentamos ver un problema, no canto de asumir que existe, sinxelamente negámolo.

Podemos dici-lo en verbas, pero interiorizalo e asumilo interiormente, iso xa é outro cantar.

Mais, cando o problema está agochado no máis íntimo do noso ser, aínda resulta máis complexo. Nese intre, a mente racional, e tamén algúns resortes irracionais, saltan tentando enterrar baixo deles o problema, que latexa baixo deles coma lava ardente puxando por sair.

Logo, no xeralmente longo proceso de investigar nos nosos adentros, mentres imos desenmarañando a pesada carga mental de tódalas "autoproteccións" contra ese inimigo inespecífico que as activa, a lava de abaixo segue latexando... buscando por onde sair e, ás veces,
consegue sair a superficie.
Cando esto ocorre, ás veces causa danos, outras debilítanos, pero, finalmente, sempre acaba por nos liberar.

Cecais esto que digo, vos pareza moi raro, e mesmo pensedes que obra dun tolo ou desequilibrado, e pode que teña algo diso, mais... sempre debedes recordar que esto, especialmente cando o negamos, adoita estar aniñado no máis fondo da nosa alma.

Os medos, os complexos, as raibas e xenreiras, os odios, as fobias... todo iso que, mesmo ata certo punto nos identifica como humanos, está aí, agardando a sair no momento menos pensado.
Cecais, se conseguimos que saia pouco a pouco, nos vaia liberando, co menor dano posible.

¿Parécevos que falemos?

Forza4.
Como chegar a eolica
16:30:00 | Author: forza4
Como xa veñen facendo varios bloggers, vou reseñar aquí as verbas polas que algunha xente chega aquí, e que, moitas veces, non teñen demasiado que ver con este lugar virtual.

Velaquí van:

Bus de comunicacion (6 visitas): Descoñecía que este fose unha bitácora informática, con todo, parece que xa estaban agardando por Eolica Tec.

Eolica (6 visitas): Si, así se chama esta bitácora.

Que es un bus de comunicación (4 visitas): Semella que vou ter que tomarme máis en serio e con máis frecuencia de actualización o Eolica Tec.

Erguia eolica: Se te ergues eolica, da unha visita por aquí ;).

A nosa terra eólica: Certamente, a nosa terra e unha terra onde o vento zoa con intensidade.

Bus de comunicaiones: As comunica iones semella que teñen inter erencias

Buses de comunicacion: Esta lista ten máis buses que Alsa, Monbús e Arriva xuntos.

Butaca nomada: Eu pensaba que as butacas promocionaban o sedentarismo, mais semella que as hai que promoven ánimos máis saudables.

cancion eolica: Vaites... descoñecia a existencia dunha cancion para eolica, pero a musica nunca ven mal.

cancion locomocion en youtube: Finalmente, semella que o tema musical é importante aquí..¿Quen dixo que non tiñamos marcha?


Por outra banda, aqui tedes outras verbas con menos relevancia, tal vez, pero curiosas alomenos:

eolic humor: Si, aquí tamén cabe o humor

eolica animacion: Animación aquí haicha, queda patente

eolica/youtube: Creo que ao final, si que debería facer unha videobitácora

locomocion en el deportista: ¿viches a nosa sección de deportes? ;)

lugoslavia: Esa república intragalega sempre tan descoñecida.

o ben feito feito esta: Está claro, non che hai cousas como as mellores...

significado de eolica: Se ti souberas...

Bueno, e ata aquí este repaso polo que buscan algúns cando chegan aquí. Agardo que vos teña gustado, e que, se tedes unha bitácora e facedes un artigo coma este, estarei encantado de que mo digades nos comentarios, pois sempre é curioso ver como, ás veces, as buscas por verbas dan estes resultados tan diversos.

Forza4.
Unha entre un millón
12:24:00 | Author: forza4
Unhas poucas verbas no medio de centos, mesmo de miles ou millóns, poden ter tanto, ou mesmo máis significado que todas as demáis. E non é que as demáis non teñan valor, senon que estas condensan un significado que as fai especiais. Un significado ás veces inesperado, outras impredecible, pero que sempre axuda a desentrañar un pouco o misterio da persoa que lle dá sentido.

Todo isto, pasoume hoxe, un dos días máis dificiles de pasar e que, seguramente, se anuncia ben longo. Mais, como nun xogo detectivesco, as probas van aparecendo onde menos se agarda, e pinta, tantas veces, unha composición que un/ha non imaxinaría.

Cecais, debería, o antes posible, enviar unha felicitación a alguén que dubido a agarde.

Con todo, o feito de non coñecer moito a esta persoa, fai que dificilmente llo diga, aínda que en fin... de sorpresas está a vida chea.

Forza4.
Recordos
3:35:00 | Author: forza4
Sempre me preguntei de que están feitos os recordos. Hai quen defende que están feitos de morriña, hai quen di que son maioritariamente imaxes, outros que son sons, mesmo hai quen defende que están feitos de olores, hai quen di que son a integración de todo.

Con todo, o crucial deles é a relación que temos con eles, e o seu significado, pois, uns meros recordos, un "mira, estiven alí, estaba tal ou cal persoa" só ten valor se ten un significado.

Precisamente, por esto mesmo, cecais sexan os recordos algo que nos axuda a aprender algo valioso na vida: somos o que somos en virtude do que significamos. E non se fala aquí de premios nin de viles metais ou cousas semellantes, senón daquelo que vai máis aló do puramente material e que é algo que nos identifica: os sentimentos.

E é que alguén é máis importante para nos, en virtude do que signifiquen os sentimentos que, o sinxelo recordo desa persoa, significa para nos.

Con todo este escenario, e se nos esquecemos por un intre de preconceptos varios, entón veremos como aquelo que moitas veces nos mostran como a orde do mundo, cae polo seu propio peso e se vé entón como unha mentira interesada, como unha explicación inventada que se torna, sinxelamente, unha excusa enorme para evitar recoñecer algo que, se ben o pensamos, ten grande evidencia: en xeral, enmascaramos os nosos sentimentos.

As razóns son varias, pero, como escribín certa vez, adoita estar entroncada cos nosos medos.

Para máis ler de medos, velaquí a ligazón: Dualidade: medo e escravitude (open.vieiros)

Forza4.
Da orde entrópica
2:59:00 | Author: forza4
Din en química que a entropía é a medida do desorde dun sistema.

Deste xeito, un gas ten máis entropía (desorde) que un líquido, posto que as súas moléculas pódense mover en tódalas direccións do recipinte ou lugar que ocupen, mentres que as dun líquido verían o seu movemento limitado un chisco polo das súas veciñas no mesmo líquido.

Mais se algo nos deixan claro na química é que, na natureza, a entropía tende, espontáneamente, a crecer, a incrementarse, ao infindo.

Pois esto, que pasa a nivel químico, tamén pasa (alomenos) na miña mente. A variedade de temas por minuto na miña mente, se comezo a deixar voar á cabeza, tende sempre a máis. Mesmo, aínda que na miña mente, en cada intre, só aniñe un tema, ao longo dunha conversa podo ir variando (por veces, de xeito casi imperceptible) de tema en tema.

Con todo, como xa teño dito aquí, resulta que veu á miña cabeza unha idea que, aínda que pareza un pouco arriscada ou mesmo tola, pode ter un atisbo de realidade: ás veces, incrementar ata o indecible a entropía, pode tender a reducila.

Por exemplo: Maxinémonos que a terra, de repente, fose unha grande plataforma sólida que tivera, aproximadamente, a forma externa que ten (con atmósfera,etc.). Maxinemos agora que existira só un pobo de seres, que, para máis sinxeleza, imos supoñer inmortais e non reproductores.

Poñamos que estes seres teñen un estrano gusto de poñer as súas pertenzas o máis lonxe posible de si. Ao final, evidentemente, estes seres deberían recorrer distancias inmensas tan só para buscar calquera cousa que necesitaran. A cousa é que cada vez hai máis cousas, e as distancias son máis longas. Nembargantes, dado que, aproximadamente, o perímetro da terra é duns 40.000 km., se levamos algo a máis de 20.000 km., entón seranos máis doado achegarnos a ese 'algo' polo outro lado da terra.

Se está a 21.000 km. da orixe, polo outro lado, estará a só 19.000.

Pois isto mismo pretendo facer coa miña mente, dalgún xeito: dispersar tanto o pensamento que a dispersión se acabe convertindo en concentración. É dicir, que por medio dalgún xogo mental, convirta unha serie de pensamentos asociativos diverxentes, nunha serie que, finalmente, converxa no punto no que me quero concentrar.

Como o meu pensamento me leva a pensar: "Do mesmo xeito que o grande e o pequeno, a luz e as tebras, o día e a noite, non son máis que expresións da mesma realidade; así a diverxencia pode converxer, os opostos adoitan atoparse, e, ao fin, todo ten un punto de achegamento".

¿Que opinades?

Forza4.
Ela...
2:31:00 | Author: forza4
Tan sinxela e é a solución para moitos dos nosos problemas. De feito, ela axúdanos a estar en paz con nos mesmos e cos demáis, e mesmo a querernos e querel@s.

Ata o problema máis dificultoso sería mesmo doado de resolver se sempre a consideraramos á hora de avaliar calquera problema, de calquera tipo. E, se mesmo o utilizaramos coas persoas de máis preto (e mesmo de máis lonxe), mesmo non importaría que fosen impostores, que nos tentasen dicir moitas cousas falsas, porque ela sempre nos presentaría a verdade para que non nos creramos as cousas ao pé da letra e sacaramos as nosas conclusións, e mesmo, nos mostraría que, mesmo para aqueles e aquelas que nos queren, non sempre é viable dicirnos a total e pura verdade.

E así, é máis doado vivir, e resulta máis dificultoso perturbarnos neste mundo que, á luz dela, sempre é máis transparente.

O seu nome é comprensión.