De blogs e tempo
17:43:00 | Author: forza4
Dende logo, comezar unha bitácora é unha aventura, e mesmo ata chega a ser case "adictivo".

Mais o problema fundamental das bitácoras é mantelas organizadas -limitando o número de etiquetas- e actualizadas. Porque ao principio todo semella doado, fáisenos doado escribir. Pero logo... xa non é tan doado. E é que cada vez nos pedimos máis. Xa non nos abonda con contar o de cada día, queremos que sexa interesante aos/ás nos@s potenciais lectores/as.

E por iso cecais, tardemos máis do recomendable en actualizalas, co cal o noso potencial público, moitas veces remata por cansarse ata que, un día, sen agardar nada aparecen pola nosa bitácora, ou revisan por casualidade o programa ou complemento do navegador para a sindicación de contidos(1), e entón atopan uns cantos artigos sen ler na bitácora e se sorprenden de novo, pois, ás veces, tal é a maxia da rede.

Con todo, non hai algo máis triste que unha bitácora desactualizada, así que, miñas donas, meus cabaleiros, se teñen unha bitácora, actualícena na medida do posible. E se teñen un diario, aínda que sexa privado... cecais esté agardando -tanto o seu diario físico, como o mental- que o actualicen.

Porque sempre quedou algo no tinteiro sen escribir...