Tempus Vernum
7:03:00 | Author: forza4
Chegan as primeiras neves, mentres os barcos tremen, rompen, ou botan a homes á mar, algúns dos cales, rematan morrendo nela.

" Ti, azul intenso, que me chamabas, ao final xeaches as miñas ilusións, e fixéchesme teu... non rematei de contarche os meus azos, cando afogaches a luz do meu candil"

Logo... chegará o branco, ou eso se agarda. o clima reaxústase, e eu penso que vou apagar cada vez máis a calefacción e vir máis abrigado.

A noite pecha está fora, dicíndome nítida que o novo día xa chama a porta... dende un futuro ben cercano.

Bo día.

Forza4.
Outro mariñeiro perde a vida
5:47:00 | Author: forza4
O corpo sen vida dun veciño de Marín de 49 anos, e tripulante do "Novo Apenino" (un arrastreiro do Grande Sol, baseado en Vigo) , foi atopado por Salvamento Marítimo, sobre as 22.30h. de onte, 8 de Novembro de 2005.

O tripulante caera á mar, presuntamente por un golpe de mar.

Informa Salvamento Marítimo de Fisterra, por medio da Radio Galega.

Forza4.
Bus e Comunicación
21:54:00 | Author: forza4
É curioso que o bus sexa un medio de comunicación terrestre.

Con todo, moitas veces é un mero medio de transporte, pois é bastante dificultoso que a xente fale contigo, e aínda máis que a conversa inicial se convirta en conversa amena, logo en conversa para toda a viaxe, e logo, algunha vez en incipiente e boa amizade.

E é que máis ben aprovéitase para descansar no bus... ou para mira-la paisaxe, ou aburrirse de xeito sen igual, pero calquera cousa antes de falar con alguén... semella que á xente lle da arrepíos só con pensar en manter unha conversa con alguén, pero bueno... debe ser que o mundo é así.

Con todo, eu non me podo queixar, descubrín no bus a moitas das miñas actuais amizades...a algunhas pasadas, e quen sabe se algunhas das futuras as descobrerei nun medio que así, tamén se convirta nun medio de comunicación.

Forza4.
Realidades
4:59:00 | Author: forza4
De casualidade, apareceu nas nosas vidas. Veu pola necesidade de crecer, de alcanzar novos horizontes.

No seu ollar, unha mestura emocionante e vital. A luz da mañá fúndese cos azos de chegar a vieiros novos. E cada día, imbúe a cada verba, a cada movemento, a cada sorriso, ese ímpetu vital de quen leva o sol no corazón, a mente limpa e ceibe e un corazón que se mostra ceibe, voando fora de todo roce de prexuizos.

É desas persoas das que un pensa que, de non existir, habería que inventalas; e que mellor que existan, posto que aínda que inventala quixeramos, nunca íamos dar no cravo do xeito en que a natureza seleccionou esa mestura de ledicia, intelixencia, sentido, paciencia, e tantas outras cousas boas.

E por riba de todas elas, destaca unha da que nos imbúe a todos: Ilusión.

Forza4
Alborada Nova
0:54:00 | Author: forza4
Xa chega un novo alborexar. Xa pintan os ceos grises, por veces, e o frío vai tinguindo a paisaxe de novas cores.

O que antes era da cor da carne, agora é de múltiples cores, que van dende a imitación da cor que, anteriormente agardabamos atopar, ata outros que nunca se pensarían para o propio coiro dun ou dunha.

Namentres, a natureza comezará a cambia-lo verde polo ocre, e, logo, chegará, posiblemente, un tempo no que o ocre ceda o paso á cor das árbores, non mortas, mais si durmidas no sono profundo do inverno.

A natureza evoluciona, cara un maior recollemento, e garda folgos para cando, de novo, a primavera chegue aos nosos ríos, vales, montañas, agardemos máis húmidas ca hoxe, e, mesmo, máis húmidas que os pasados anos.

E agardemos de que os seres humanos nos demos conta que estamos estragando aquelo que ten un enorme e decisivo valor para a nosa vida, e sen o cal non poderemos vivir en absoluto: o noso fogar no universo.

Forza4.
A vida non-stop
23:31:00 | Author: forza4
Din que non hai vida como a do estudante, pero pobre de ti que sexas estudante, e non che saia de todo ben a cousa, porque entón ese idílico esquema "estudio-vacacións-estudo" tórnase un pouco monótono, e un/unha non sae da primeira fase.

E é que dará igual o día ou o mes no que te atopes, que sempre estarás agobiado por tal ou cual asignatura, ou exame, ou práctica... en fin... que se se adoita dicir que unha guerra ten unha planificación de non parar (non-stop), pois para un estudiante que non saca todo nas convocatorias oficiais, é como se sempre estivese en guerra.

E se só os estudos te tivesen en guerra, estaría ben, mais para nada é así. A familia, formada por aqueles que se di que "son quen non te abandonarán", comezan, silandeiramente, unha guerra tamén contra ti. E por se fora pouco, non se libran tampouco @s irmáns/irmás.

Pero bueno dada a hora que é, vou durmir, para, en canto amenza, seguir a miña planificación "non-stop".

Forza4.
Elexindo verbas
4:29:00 | Author: forza4
Todos temos oído falar deles. Sempre falan deles con grandes verbos e xestos. Sempre semella que temos que estar ilusionados con eles.
Con todo, cando din que o son, raramente é certo; e cando din que están ben, e falan deles de xeito grandioso, pero sen darlle realmente maior importancia, entón é que realmente o son.

Falo dos momentos históricos.

Sempre nolos colan como a grande panacea, sorpresa, ilusión ou o grande evento do momento; cando, ás veces, son realmente, eventos do máis normal.

Con todo, nunhas horas, por moito que o dixeran os políticos, teño que recoñecer que sinto que debo darlle-la razón.

Nunhas horas haberá eleccións na Galiza. E, como cada proceso electoral, este é vital. Hai quen di que este é especialmente vital, porque sopran ventos de cambio.

Sexa coma sexa, o importante é que todos participemos, non só desta 'grande festa da democracia', senón da xornada de loita que representa. Unha loita que se libra cunha soa arma: o voto de cada un.

Forza4
Cuestión de Sorte
4:16:00 | Author: forza4
Realmente , cada vez doume máis conta de que nos queixamos demasiado. A escasos 2 ou 3 metros de min. Xusto detrás, están conectadas unha nai e unha filla. Mellor dito, a nai está conectada, mentres a filla durme.

Sempre piden o mesmo ordenador, aquel que está máis escondido das olladas alleas. Ás veces a nai conéctase, pide un boli para apuntar, e apunta. Cecais aproveite para facer as dificiles contas do mes na folla de cálculo, se é que sabe utilizala. Ou cecais use só a calculadora.

Mentres, a súa filla segue a durmir ás miñas costas... aí a uns 4 metros. A verdade é que é enternecedor vela, con esa cariña de paz... mentres outros témo-la sorte de durmir, non só a resgardo, se non nunha cama, mentres outras persoas, buscan aquel lugar que poden para pasa-la noite.

Este lugar sirvelles de refuxio. Alomenos así, non terán que durmir ao raso, e non fará tanto frío nas noites de inverno.

E no verán... non estarán fresquiñas, pero probablemente, cunha temperatura suficientemente confortable como para descansar algo máis tranquilas.

Cecais, máis de un, deberiamos de reflexionar sobre a sorte que temos
Rúa cortada
19:36:00 | Author: forza4
Sempre ás presas. Nunca hai tempo para nada. "Non te deteñas" -din.

Semella que foi onte, e xa hai case dous meses. Entón, era a festa informática organizada pola delegación de alumnos de Informática, no edificio de Ferro.

E alí estaba el. Era un rapaz, alto el, ben portado, cunha presenza realmente agradable. Saudámonos e falamos. Interesouse por como ía eu, como me ía todo, e falamos de cousas típicas da universidade, e falamos o típico de.."a ver se nos atopamos, rapaz...", e ese tipo de cousas e intencións.

A verdade, é que era un rapaz moi agradable. Sinxelamente, eso de que sempre
levase o sorriso na face, parecíame algo sanamente envexable. E a verdade é que me ensinou moito o seu xeito de comportarse, aínda que non sei se o aprendín.

Hai uns días, unha noticia no xornal poñíame os pelos de punta. Pero eso si: cando vin a súa foto en follas pola universidade adiante, quedeime arrepiado: Era el. El era un dos tres mozos que morreran no accidente dun automóbil na A-52, entre Ribadavia e Ourense.

Finalmente, na party, foi a última vez que falamos en vida.

Descansa en Paz, Héctor. Non te esquecemos.
O traballo ben feito
13:46:00 | Author: forza4
Hai uns días, recibín estupefacto a nova: O director da Escola da Informática na que estudo, presentaba a súa dimisión. De xeito espontáneo, escribín un correo de apoio directamente á súa conta de correo electrónico.

Mais sucedeu algo tan inesperado como esperanzador:

Dado que na escola de informática na que estou matriculado, raramente as persoas se unen para algo, esta vez, non fun eu o único que escribiu ese correo. Os correos chegaron (segundo creo) por ducias á súa conta de correo electrónico, en manifestación do apoio ó seu grandísimo labor como director da Escola Superior de Enxeñería Informática... Os ecos chegaron ata o mesmísimo rector.

Para comezar, o rector non aceptou a renuncia, e nunha moción de confianza realizada o pasado Luns, 9 de Maio (curiosamente, día no que se celebra o Día de Europa), resultou apoiado por unha grande maioría dos asistentes, só 1 voto en contra (probablemente, o causante de toda esta polémica), e 5 en branco, e os demáis votos emitidos (uns 36) a favor.

Logo de todo esto, e por unha vez, pódese ver como o bó traballo da os seus froitos. ¡Noraboa Director!
Alfa e Omega
13:48:00 | Author: forza4
É curioso como os opostos se dan a man, como se complementan, e, nalgún momento, chegan a semellar curiosas pérolas de casualidade.

Por exemplo, aínda que eu non teña precisamente cualidades musicais, nacín xusto un mes despois de que morrera "O Rei do Rock", Elvis.

Pois nunha desas casualidades, me ten a vida agora. Onte, ou un destes días morreu unha estudante de Empresariais de Santiago.

Chamábase María. A Tardiña da súa vida chegoulle cuns 23 anos. Os/as seus amig@s (algunha das amigas, común a min) e a súa familia estan que non o cren...
Mais eu sempre pensei, que nesta existencia nosa, realmente nada remata... e que a vida que semella irse, queda nos que ficamos aquí, a vida 'física' queda en nos.

Curiosamente... hai uns 2 meses, naceu 'Jose Manuel'. El é a ledicia de Tania e Jose, os seus pais, que ven como un novo ollar agroma á vida... A luz prende nos seus ollos como nos dos seus pais nun sorriso universal.

Por iso... aproveitemos a vida... e aqueles e aquelas que levamos no corazón, tanto na existencia aquí, como en calquera outro tipo de existencia, honrémolos cos nosos éxitos, e dediquémoslle-las ensinanzas que nos brindan os fracasos ou semi-fracasos da vida.

Dende aquí, a máis sentida noraboa a Tania e Jose, como a máis grande aperta que acompaña no sentimento, @s familiares de María, como aos/ás seus amig@s e compañeir@s.

Forza4.
Lugoslavia
3:36:00 | Author: forza4
Chegaba tarde. Coma sempre, bastante tarde: ¡¡5 minutos!!. Non sabía o que me agardaba. Evitaba correr o que podía pero... debía apurar, e así fixen, apurei o paso, pero ao final, non podía evitar correr.

Ao chegar, como fun pola outra banda, salteime unha cola kilométrica. Cando chego, ¿que? ¿que non hai entradas?. ¡¡Que decepción!!. ¡¡Eu quero entrar!!. Algúns e algunhas, recuaban frustrados.

Eu, non debía recuar: segundo me informaron, dentro estaban persoas coas que eu quedara. Non me valía quedar fóra. Debía entrar. Fun á porta...recuei a taquilla, non había máis... as entradas que quedaban eran as de protocolo e prensa, e o sitio xa estaba a rebosar.

Collín e agardei pacientemente na entrada. Entrei de tapadillo, aínda que sabía que a da entrada me controlaría. Díxenlle ir ao posto das camisetas. Así fixen. Non lles merquei ningunha, pero xa as vin, e pode que un día destes, se os atopo outra vez, lles merque unha.

Logo púxenme ao lado da porta. Ata era case mellor así. Aparte de que había aínda unha chea de xente, agolpándose, agardando por entraren e distribuirse.

Pasaba o tempo. Os da porta estaban desbordados. Os da taquilla xa non sabían que dicir. Todo se saíra do habitual: chegara un certo caos, co que, curiosamente, ata me sentín bastante cómodo.

De súpeto, chegou a oportunidade que agardaba:

Un home xa non podía máis. O/A súa acompañante (supoño que feminina, aínda que non estou seguro) non chegara. Díxenlle que lle mercaba a entrada. El dixo que aínda agardaba por esta persoa un chisco máis (non o comprendera eu ben). Entón... quedamos en que se non aparecía ma vendería, como así foi.

Na voráxine que veu despois, esquecinme do seu nome. Podería ser Agustín ou algún outro nome que comezara por A.

Encantado por unha sorte que eu intuía, ou quería crer que chegaría , funme a onde agardaba atopar ao grupo de xente co que quedara. Alí, xusto onde agardaba que estiveran, apareceron. E á súa beira, un asento libre.
Tiña intención de agradecérlle-lo detalle de gardarme o sitio, mais dixéronme que realmente non mo gardaran: a chaqueta dunha desas persoas no único asento libre ao seu lado, bastou para que o sitio non se ocupase.

Este grande cúmulo de casualidades...permitiume disfrutar dunha montaxe excepcional con Quico Cadaval, Carlos Blanco e "Cool Hamsters". Mentres uns poñían o humor, os outros a música, con alma de Jazz.

O que me decepcionou un pouco foi que Quico Cadaval falase moi pouco de Lugoslavia. Pero en fin... outra vez será.

Iso si, se me puidera atopar co home que me vendeu a entrada, gustoso o invitaría a un café. É o mínimo que merece como compensación a todo o nerviosismo que ese home debeu sentir.

Forza4.
Eolica 1: Luminica
2:18:00 | Author: forza4
Coma moitas semanas, fun naquel mesmo bus. E, como había algunhas semanas, quedara con Mara.

Quedaramos en que lle instalaría o antivirus no seu ordenador portatil, e así o fixen. Logo dun intre, tras apaga-lo aparello, e gardalo na mochila, comezamos a falar.

A conversación derivou en falar de Senén. Senén era o rapaz que lle tiña roubadiño o corazón. E só con nomealo a súa expresión gañaba en tenrura. Os seus ollos comezaban a botar chispiñas... e non era un segredo que lle custaba evitar que lle dera a risa tonta, esa risa que distingue aos corazóns namorados.

Cando os nosos campos, sen auga por mor de tanta seca, reciban unha boa cantidade de chuvia, dubido que poidan expresar maior agradecemento, que o que a face de Mara mostraba con cada verba de Senén.

Cada pinga desa conversa facía que nacera unha fror no campo da cariña de Mara, a xeito de avermellamento das súas meixelas. E os seus risos, sorrisos, e expresións tenras non cesaban.

Cando ao final soaron, en castelán, aquelas tres verbas, fixérono do xeito máis tenro que se poida un maxinar, a voz en volume máis baixo, como para dicirlle, "esto é entre ti e máis eu". As tres verbas, evidentemente foron: "Te quiero mucho".

Forza4.