Momentos de espazo
19:24:00 | Author: forza4
Hoxe estiven alí. Cecais noutra lingua, ou na mesma: na das sustancias etéreas. ¿que foi de todo?. Pois... realmente non o sei, pero segue no punto medio entre as substancias da alma e do corpo e aquela nube que vai cambiando a cor de branco a azul, de azul a gris.

Hoxe tamén sentín eses baleiros cheos de materia e enerxía que ti, só ti,podes crear para os tempos de aquí e de acolá.

¿Que queres dicir con cada verba túa?... Cecais sexas só, aquela imaxe dos cantís batendo contra a marea, das montañas zoando contra o aire, tolo e forte, de cercanías do inverno.
Calquera verba xélida do teu maxín impacta coma un meteorito quente e arrecendente de novos intres achegando sentires a cada compás.

Cecáis, sexa o teu,o alegato máis decidido daqueles, que griseiros pola vida andamos, ou, aínda máis probablemente, sexa a túa arte, puñal que fende o gris estandarte do pesimismo de acción e reacción.

Cecais, só cecáis, ti foras a reveladora dun segredo milenario: A vida, ás veces, só consiste en pequenos puntos claros sobre fondo negro.
Xenialidade e estupidez
5:21:00 | Author: Camerata eolica
Era un venres normal, bueno, xa era sábado, aínda non amencera, nin eu durmira. Déronme por pensar moitas cousas. Semellaba estúpido que unha pataca me falase, pero bueno, de cousas curiosas está este mundo cheo.

Con todo, pareceume curioso. Ela falábame de xentes sentíndose estúpidas por cáseque calquera cousas das súas vidas: traballo, relacións sociais. A verdade é que era triste notar a tristura e mismo impotencia nas súas verbas, como se as súas foran vidas perdidas.

Logo claro, un comeza a pensar nun mesmo e séntese estúpido:

De pequeno sempre levaba a casa aprobados, ou mesmo notas ben boas, pero, aínda con todo, eu non fixen unha composición musical da talla da que Mozart fixo aos 6 anos. En realidade, nin esa nin ningunha outra.

E, claro, non teño o xenio e figura de Al Gore, para ir pregoando por todo o mundo o cambio climático, as súas consecuencias, e que hai que actuar xa.

A verdade é que coas posibilidades que hai hoxe, non sei como non son coma eles. Craro está, que o único que fixo Mozart na súa vida, de relativo proveito, foi a música, e que así é moito máis doado centrarte nalgo e sacalo adiante, e que, tampouco teño un pai músico (que, aínda que non o seña, ben que se gañou sempre a vida).

E eu tampouco teño un jet privado para ir contando verdades incómodas por aí, e, polo tanto, evito tirar a atmosfera unhas 20 toneladas semanais de resíduos tóxicos -maioritariamente gaseosos- en viaxes por todo o mundo.

Pero en fin, rarezas de xenios, supoño...

Forza4.
Proba
5:43:00 | Author: Camerata eolica
Esta é unha proba de blog móbil
Tempo
4:01:00 | Author: forza4

O tempo escapa...e moito, e por iso o ser humano quere e, mesmo precisa controlalo.


De aí a teima humana da exactitude nas medicións, e, máis concretamente, nas do tempo. De aí saiu o reloxo de sol, que se guiaba dese inmenso fachón estelar que o home vía poñerse e erguerse cada día. Claro está, que en canto comezou a viaxar, e mesmo viu que en certos lugares non se poñía (ou se erguía) o sol en meses, a cousa comezou a cambiar. Os que por alí estaban, terían cavilado outros xeitos de conta-lo tempo..., o certo, é que no outro lado da corda, temos a aqueles que fixeron reloxos de area, vendo que o tempo que aquel fluxo de minúsculas pedriñas tardaba en baixar dun extremo ao outro daquel artiluxio cunha especie de dous embudos de vidro enfrentados boca a boca, cos orificios de entrada xeralmente tapados, era moi semellante (sempre que o artiluxio non perdera area,claro).


Pero iso non era todo, precisaba acordarse cada vez de máis cousas, e, unha vez inventada a escritura, puido permitirse o luxo de ir apuntando o que precisaba facer. Pero claro, cen mil papeis espallados... así que finalmente inventou a axenda.


Con todo, agora que a comunicación é fundamental, xurden coma fungos (coma setas, si) os métodos de sincronización online e demáis, que nos permiten, alén de ter a nosa axenda, poder dar a información que queremos e a quen queremos.


De aí, que, para aqueles que me coñecedes, aquí tedes o meu calendario de horas ocupadas e libres. Cada sitio non vos porá que é, pero alomenos sabedes que as horas que están sinaladas, están ocupadas, e as outras, en principio, libres.






Agardo que a vaia actualizando ben, e así non vos teñades ningún contratempo ao tentar comunicarvos comigo.


Unha aperta,


Forza4.

Músicas
12:47:00 | Author: Camerata eolica
A música suponse que unha expresión artística. Como expresión artística, hai música intemporal, mesmo algunha con letra que se mantén con sentido aínda séculos despois. Con todo, hai un tipo de música que, ano a ano, enche listas de éxitos e, cos seus ritmos pegadizos (por veces, pegañentos) atopamos, ata mesmo na sopa.
Como posiblemente xa descubristes trátase das cancións do Verán.

Ata o de agora, todas elas indefectiblemente tiñan unha cousa en común en Galicia: os éxitos do verán adoitaban vir en lingua castelá. Este feito, sen ser malo en por si, tivo un efecto un tanto negativo respecto do Galego, a lingua de galicia: o seu desprazamento respecto ao castelán. Mesmo un himno mítico na Galicia dos anos 1990 foi (agás polo retrouso) case totalmente en castelán: "Miña terra galega", onde, orixinalmente, a grande parte da letra estaba na lingua de Cervantes, Machado e tantos outros.

Mais, dende o ano pasado, xa temos un concurso que se adica a busca-la canción do verán na nosa lingua: o a polo ghit.

Este concurso, organizado por Vieiros e a Radio Galega, semella ter chegado para quedarse, xa que na segunda edición xa recibiu un total de 52 participacións.

Dende o pasado día 4, están na segunda fase, á cal pasaron 10 das 52 cancións, as cales, segundo as bases do concurso, deben estar baixo unha licenza Creative Commons na que se reserven a explotación comercial, pero que, como as demáis licenzas do mesmo tipo, permitan a copia, distribución e comunicación pública sen ánimo de lucro.

Dende Eolica, promovemos un concurso paralelo, pero baseado no apologhit, coas seguintes condicións:

Entre hoxe, 6 de Agosto -dende as 14h.- ata as 14h. do 12 de Agosto, habilítase o enderezo eolica.bitacora@gmail.com para a recepción de votos para os finalistas, neste caso, con puntuación entre 1 e 10. O 13 de Agosto, coñeceráse o resultado e ese mesmo día efectuarase a votación cos resultados da votación en Eolica.
Dispersalia
2:00:00 | Author: forza4
Si, teño que recoñecelo: Teño unha mente dispersa. Agora ben, as ideas dispersas e diverxentes, tamén son moitas veces, asociativas.

Con todo, esto dame varios problemas. O primeiro deles, é como podo concentrarme, e evitar cambiar de tema de pensamento a cada intre; e parte dos demáis problemas, veñen deste.

Aínda con todo isto, veño pensando nas ultimas datas que, no canto de concentrarme, posiblemente debera tirar proveito do meu pensamento diverxente e, mesmo, da miña dispersión mental. E é que se a miña mente se adoita mentrar diverxentemente asociativa, finalmente aquelo que tanto me está a dar problemas podería conter, en si mesmo, a solución aos mesmos.

Veremos que pasa, iso si, polo momento, creo que xa me é hora de poñer a descansar as miñas ferramentas máis insustituibles e necesarias: A miña mente e o meu corpo.
Equilibrio (II)
12:26:00 | Author: forza4
Se o centro das tres é Lidia, con todo o punto de equilibrio é Laura. É pouco común atopar nunha soa persoa unha mestura tan equilibrada de experiencia e observación que atopamos nela. Non sei se lle gusta a fotografía, pero da a sensación de que o seu ollar retrata a realidade dun xeito único. Atenta e discreta, semella desas grandes persoas que, sen chamar a atención, atopan o seu camiño facendo máis doada a vida ao seu redor, desas persoas que se bota de menos cando non está.
Equilibrio
1:22:00 | Author: forza4
O seu nome, mira que o levo oído na miña vida veces, nomeando a diferentes persoas, e, polo tanto, teño -en principio- recursos para facer a asociación entre nome e imaxe da persoa en cuestión. O que sucede é que o lío entre as dúas L (Laura e Lidia), lioume a cabeza durante un par de días.

No aspecto do seu xeito de ser, hai que dicir que para min é todo un enigma, aínda que hai certas cousas que fan dela a perfecta equilibradora de todo o grupo. Non se queda muda, pero tampouco fala en demasía, cando, aparte diso, adoita -polo que intúo- servir de alicerce de todo o grupo, ou, máis específicamente, semella unir, entorno a ela, de certo xeito, todo o grupo.

Se, con todo, eu penso que todas son persoas bastante responsables (por non dicir moito) dos seus quefaceres, Laura semella ter esa característica dun xeito moi pronunciado, sen, por iso, minimizar o caracter do grao de responsabilidade de calquera outra.

O piar no que descansa a amizade
sen esforzos, auna as vidas
cos esforzos, co riso,
con regras vitais endexamáis lidas.

(...) Continuará...
Complicidade
0:56:00 | Author: forza4
Curiosamente, o seu nome foi o que máis me costou reter. Non é que me pareza dificultoso, é ben máis común que Anael, e mesmo hai persoas públicas (Lidia Bosch, por exemplo) que comparten nome. Ata aí, ben. Pero non sei porque, as dúas L (Laura e Lidia) liaronme a cabeza algo ao principio. Agora, con todo, xa distingo sen problema, e, co tempo -non moito, pero realmente revelador- xa teño algún detalle das diferencias de cada unha.

Lidia, a que, se non recordo mal, vive máis lonxe dos demáis compoñentes (Alberto incluído), é unha peza fundamental do grupo. Todas o son, pero ela axuda, xeralmente, a reforzar o impacto do que Anael conta. "Corrixe, fixa e dá esplendor", dicen da Real Academia, mais a Lidia non lle fai falla máis co aspecto de fixar, e bueno, a súa participación aumenta a pegada do xa enunciado por Anael, por Laura, ou por ambas.

Neste esquema, no que levo vivido, está perfectamente integrado Alberto. Ata onde pode, non só aporta o seu gran de area, senón que, tantas veces, inicia ou prolonga un tema cunha mestría que, ao meu ver, é dificil de igualar (e que dicir de a superar).
Humor
23:40:00 | Author: forza4
Cando un coñece a alguén adoita preguntar o seu nome. E cando alguén tan despistado por veces coma min, pregunta un nome é curioso cando dun plumazo, lle asocia o rostro da persoa ao nome e o retén directamente, sen problema para recuperar tal información.

Eso me pasou con ela, e é que eu que sei, preguntas un nome, e o que menos te esperas e atoparte cun nome que, por pouco común, non atopas moitas referencias directas nin tan siquera no Google.

Pois Anael é así. Non só o nome, senon a rapaza que o leva e as historias que, con contagotas se atopan na rede sobre tal nome. Primeiro que semella que é nome de Arcanxo. A ver, o que é unha divinidade non será, pero se o que queres e ir ao ceo... mandarate...¡¡da risa!!. A ver, e é que non é que precise contar chistes para iso siquera.

Nese aspecto, teño que recoñecer que é única. Bueno, como en moitos outros aspectos; pero enumeralos sería tan superfluo como inutil, pois poñer un exemplo das súas capacidades humorísticas é como tentar explicar o humor de faemino e cansado con verbas de tip e coll coa verborrea propia dunha intervención de Antonio Ozores, e coa retranca propia de Farruco.

Respecto do demáis, é todo un misterio, pois o espectáculo entre amigos que supón ir tomar algo con Anael, transfórmase nalgo moi diferente nas conferencias e demáis... dende a desatención total ou suposta (aínda me pregunto se cando se supón que está desconectada o está realmente do que se está a dicir no acto conferencial ou semellante ao que esté a asistir), ata o que semella unha atención realmente intensa cara o tema tratado.

Pero é que, realmente, non sería completo o cuadro se non completamos o triunvirato con Lidia e Laura, que complementan a Anael (ao meu ver) de xeito discreto, efectivo (e, por veces, tronchante).

Se a todo isto, lle engadimos o aporte de Alberto (do que tamén falaremos), a situación é, cecais, máis animada -mesmo con certo toque delirante ou surrealista, por veces-.
O Xardín das esencias
21:17:00 | Author: forza4
Vou nun bus. O Aire dá no meu brazo e semella como se a fiestra estivese aberta,mais non o está, só é o aire acondicionado.

Con todo, é moi agradable ve-la verde paisaxe da nosa terra, mentres un recorda a intervención de Jenaro Castro, a moderación da mesa redonda por Moncho Lemos, o xeito 'mental' de falar de Pepe Coira, a claridade de ideas de Rocío González... e tant@s que me deixo.

Pero o mellor que te atopas nestes cursos é a xente, tanto poñentes coma compañeir@s, que atopas. Por iso, tamén, hoxe coma mañá, remate final do curso, non podo deixar de falar de Marta, Lidia, Laura, Alberto... e a protagonista da próxima entrada.
8:39:00 | Author: Camerata eolica
Síntome só... de día, de noite, sempre. Pero, sobor de todo, non sinto acougo. Así, é dificil conciliar o sono, pero tentareino, aínda que sexan 4 horiñas de nada.


Logo, pola tarde, marcharei. Non quedarei aquí, porque non paga a pena, e amáis, para coller un pouco de diñeiro e uns libros, tampouco fai falla tanto tempo.


Xa voltarei para a semana que ven. Entón, estarei de cursiño, agardo que recuperado, e coa cura contra a ansiedade e o estrés feita.


Si, cecais entón xa non me sinta... tan só.


Forza4.

Perdido
19:45:00 | Author: forza4
Un, ás veces, cóstalle concentrarse, ¿non vos pasou nunca?. A min, bastantes veces. Con todo, ás veces, non sempre é algo positivo. E é que, ás veces, a concentración nunha cousa, evádenos de outras moitas, tan importantes como aquelas nas que nos concentramos.

E é que, ultimamente, como me teñen dito algunha vez, non perdo a cabeza, porque a teño sobre os ombros. E non perdo o 'h' de ombros, porque en galego non leva.

Pero isto fai que un se plantexe moitas cousas...¿onde me deixei tantos momentos da vida que querería ter de novo? ¿onde me deixei algúns sorrisos de outrora? e, o máis importante, ¿realmente eu son eu?

Seguramente, algúnhas destas preguntas non teñen resposta, ou a resposta non nos devolve aquelo que xa non temos, así que vivamos cada intre intensamente para non esquecernos del e leva-lo sempre connosco, e, así, cecais tampouco esquezamos todo o demáis, tras unha intensiva concentración en algo en concreto.

Forza4.
Vieiros das letras
3:44:00 | Author: forza4
Logo de máis de 9 horas de nomadismo, xa albiscamos no corazón, a chegada ao lar. E todo isto, cando comezamos a celebrar as -unhas veces doidas, e outras ledas, mais sempre nosas- letras. Mais desta volta, co sorrinte ollar, de Marina Mariño. Unha aperta. O nómada.
¿Traballando con café?
13:11:00 | Author: forza4
Hai tempo que deixei de tomar café, por varios motivos. Un deles, é que eu son xa suficientemente nervioso, para encima poñerme máis coa administración matutina de cafeína. Doutra, hai algún menciñeiro (nótese que chamo así, tanto os da menciña "oficial" como os das "alternativas") que me detectou alerxia (ou intolerancia, quen sabe) ao citado composto psicoactivo.

Con todo, semella que o aroma do café non deixa ver aos ollos da xente o negativo que é. Hai quen di: "non son persoa ata que tomo un café", cando, para un servidor, debería modificar a idea que ten sobre a cafeína e os seus efectos.

Para mostra, un botón: Vía mrasla, que o viu en unos paseos, aquí vemos como afectan ao traballo (neste caso, das arañas tecendo arañeiras), distintas drogas.

Este traballo semella que o fixo a NASA (quen sabe con que fin, ou pode que para concienciar aos astronautas e persoal en xeral do típico "Ou traballas, ou te drogas") hai xa un tempo.

O certo é que os resultados son ben curiosos.



Máis, como vedes, hai boas diferencias aparte do que di o artigo: as sobrias fan a arañeira con fibras máis finas, o que fai, probablemente, que sexan máis "invisibles" como pretenden. No caso da marihuana e da benzedrina, as fibras son máis grosas. Nestes dous últimos casos, temos que non foron quen de definir o "centro da arañeira", que se ve claramente tanto no caso das arañas sobrias,como daquelas que consumiran LSD ( aínda que neste último caso, o centro é máis grande).

Doutra banda, no caso da mescalina, tampouco foi quen a araña de facer un centro, aínda que se achegou bastante a el.

Pero,como vemos, un dos peores resultados (por non dicir o peor) é o obtido coa cafeína. A arañeira ten o aspecto dunha arañeira vella moi fragmentada, sendo recén construida. Dificilmente a araña foi quen de unir uns cantos fíos e, máis aló diso, sequera foi quen de construir a estructura fundamental (difusa con marihuana e benzedrina, clara con lsd, e bastante aproximada coa mescalina).

Así que, a próxima vez que pensedes en tomar café, pode que debades pensalo dúas veces, ou ler o interesante artigo de Antonio Escohotado sobre a cafeína.
Afición
20:41:00 | Author: forza4
Realmente, é curioso o que pode facer unha afición sobre a persoa á que inflúe. Pode non ter gañas de facer ren máis, pero a afición sempre busca tempo. É algo que vai dentro da persoa, e que sae cando menos te pensas.

Un pode ter a voz mesmo un pouco tomada, que se ten a afición a facer radio ou algo semellante, non vai parar, agás que non teña voz en absoluto, de dar tempo á súa afición.

Ese é o meu caso, case non falo, pero ando por aquí pola radio, vendo como anda todo, preparando cousas e, cando saco un pouco máis de ánimo, mesmo falando.

E é que o que unha persoa lle gosta, lle gosta, non hai outro xeito.
De blogs e tempo
17:43:00 | Author: forza4
Dende logo, comezar unha bitácora é unha aventura, e mesmo ata chega a ser case "adictivo".

Mais o problema fundamental das bitácoras é mantelas organizadas -limitando o número de etiquetas- e actualizadas. Porque ao principio todo semella doado, fáisenos doado escribir. Pero logo... xa non é tan doado. E é que cada vez nos pedimos máis. Xa non nos abonda con contar o de cada día, queremos que sexa interesante aos/ás nos@s potenciais lectores/as.

E por iso cecais, tardemos máis do recomendable en actualizalas, co cal o noso potencial público, moitas veces remata por cansarse ata que, un día, sen agardar nada aparecen pola nosa bitácora, ou revisan por casualidade o programa ou complemento do navegador para a sindicación de contidos(1), e entón atopan uns cantos artigos sen ler na bitácora e se sorprenden de novo, pois, ás veces, tal é a maxia da rede.

Con todo, non hai algo máis triste que unha bitácora desactualizada, así que, miñas donas, meus cabaleiros, se teñen unha bitácora, actualícena na medida do posible. E se teñen un diario, aínda que sexa privado... cecais esté agardando -tanto o seu diario físico, como o mental- que o actualicen.

Porque sempre quedou algo no tinteiro sen escribir...
A vida máis íntima
19:36:00 | Author: forza4
Cando se pronuncia esta verba, a xente inclínase a pensar en certos tipos de informacións sobre as persoas, e sobre unha soa orde da vida.

Para romper estes esquemas, velaí vai o video máis íntimo sobre a vida humana e animal que eu, ata o momento, me atopei na vida. Vale, é máis ben unha animación, pero eu penso que non hai desperdicio. Conxugado con esa música, un/ha ata se emociona.

Velaquí tedes a animación máis íntima xamáis vista (alomenos por min).

Espero que a disfrutedes tanto coma min.

Unha aperta,

Forza4
Tempo
4:54:00 | Author: forza4
Así lle chaman a ese tecido de intres que hai entre o fite e o sentimento, entre a luz e o reflexo, entre o agarimo e o amoroso sorriso. Así lle chaman a ese tecido que está fiado tan fino, que escapa entre as mans.

Así é o tempo, esbaradío, sempre escapando.

Máis, tantas veces, logo dun tempo, e sen saber porqué, ven a sorpresa, e nos regala voltar a sentir que merece a pena agardar. Recórdanos tamén que os desvelos e preocupacións, as esperanzas (e desesperanzas), e mesmo os intres de tristura, valen a pena.

E é que só con ver o escintilante sol do agarimo e o amor nos ollos dese alguén, vale calquera pena...

Entón, e só entón, é cando comprendemos que a nosa vida, realmente vale de algo.

Forza4.
Do propio e alleo
16:15:00 | Author: forza4
¡Como cambian as cousas! Hai uns meses, ela era unha persoa, que aínda que loitaba por demostra-la súa inocencia ante lei doutro país, se vía unha persoa común, cos seus problemas e as súas felicidades, que, un determinado día, recibe (sen sabelo) a entrega na súa propia maleta de arsenal bélico.

Agora, comeza a ser sinónimo de controversia (esta vez, menos mal, non política) polo uso económico do seu periplo xudicial e de curiosidades anatómicas propias do ser humano (e mesmo de algún que outro animal).

Esto trae á miña mente, as acusacións do 'famoseo' á prensa por falta de privacidade. Logo, no medio desas acusacións, dan entrevistas en exclusiva, polas que cobran ben, e logo pretenden que iso non afecte a súa 'vida privada' cando se voltan persoas públicas e reciben grandes cantidades de diñeiro por contar o que lles parece, alimentando, aínda máis, a curiosidade e afán de saber sobre a súa vida que ten xa (de por si) algunha xente.

Alimentan esas ansias, e logo critican que estas se expandan ao plano persoal, quedando prácticamente sen privacidade, tendo que estar moi atentos a cada movemento que fan.

Sinceramente, opino que, quen queira manter a súa vida persoal a salvo, debe facer que sexa precisamente eso: persoal, xa que se a persoa fica espida á primeira de cambio, por moito diñeiro que lle ofrezan, hai que valorar que ese diñeiro non só paga a exclusividade dun certo material publicado, senón que (de xeito máis ou menos velado) acaba sendo un pago que dice compensar a eliminación das barreiras da vida persoal, pasando a ser esta pública.

Penso que algunha xente en Galicia, e moita no resto de España deberían tomar nota, e logo non se queixar. E mesmo cada un/unha, pois de cada cousa sempre hai algo que aprender.

Tomo eu tamén nota :) .

Forza4