Elexindo verbas
4:29:00 | Author: forza4
Todos temos oído falar deles. Sempre falan deles con grandes verbos e xestos. Sempre semella que temos que estar ilusionados con eles.
Con todo, cando din que o son, raramente é certo; e cando din que están ben, e falan deles de xeito grandioso, pero sen darlle realmente maior importancia, entón é que realmente o son.

Falo dos momentos históricos.

Sempre nolos colan como a grande panacea, sorpresa, ilusión ou o grande evento do momento; cando, ás veces, son realmente, eventos do máis normal.

Con todo, nunhas horas, por moito que o dixeran os políticos, teño que recoñecer que sinto que debo darlle-la razón.

Nunhas horas haberá eleccións na Galiza. E, como cada proceso electoral, este é vital. Hai quen di que este é especialmente vital, porque sopran ventos de cambio.

Sexa coma sexa, o importante é que todos participemos, non só desta 'grande festa da democracia', senón da xornada de loita que representa. Unha loita que se libra cunha soa arma: o voto de cada un.

Forza4
Cuestión de Sorte
4:16:00 | Author: forza4
Realmente , cada vez doume máis conta de que nos queixamos demasiado. A escasos 2 ou 3 metros de min. Xusto detrás, están conectadas unha nai e unha filla. Mellor dito, a nai está conectada, mentres a filla durme.

Sempre piden o mesmo ordenador, aquel que está máis escondido das olladas alleas. Ás veces a nai conéctase, pide un boli para apuntar, e apunta. Cecais aproveite para facer as dificiles contas do mes na folla de cálculo, se é que sabe utilizala. Ou cecais use só a calculadora.

Mentres, a súa filla segue a durmir ás miñas costas... aí a uns 4 metros. A verdade é que é enternecedor vela, con esa cariña de paz... mentres outros témo-la sorte de durmir, non só a resgardo, se non nunha cama, mentres outras persoas, buscan aquel lugar que poden para pasa-la noite.

Este lugar sirvelles de refuxio. Alomenos así, non terán que durmir ao raso, e non fará tanto frío nas noites de inverno.

E no verán... non estarán fresquiñas, pero probablemente, cunha temperatura suficientemente confortable como para descansar algo máis tranquilas.

Cecais, máis de un, deberiamos de reflexionar sobre a sorte que temos