Eolica 1: Luminica
2:18:00 | Author: forza4
Coma moitas semanas, fun naquel mesmo bus. E, como había algunhas semanas, quedara con Mara.

Quedaramos en que lle instalaría o antivirus no seu ordenador portatil, e así o fixen. Logo dun intre, tras apaga-lo aparello, e gardalo na mochila, comezamos a falar.

A conversación derivou en falar de Senén. Senén era o rapaz que lle tiña roubadiño o corazón. E só con nomealo a súa expresión gañaba en tenrura. Os seus ollos comezaban a botar chispiñas... e non era un segredo que lle custaba evitar que lle dera a risa tonta, esa risa que distingue aos corazóns namorados.

Cando os nosos campos, sen auga por mor de tanta seca, reciban unha boa cantidade de chuvia, dubido que poidan expresar maior agradecemento, que o que a face de Mara mostraba con cada verba de Senén.

Cada pinga desa conversa facía que nacera unha fror no campo da cariña de Mara, a xeito de avermellamento das súas meixelas. E os seus risos, sorrisos, e expresións tenras non cesaban.

Cando ao final soaron, en castelán, aquelas tres verbas, fixérono do xeito máis tenro que se poida un maxinar, a voz en volume máis baixo, como para dicirlle, "esto é entre ti e máis eu". As tres verbas, evidentemente foron: "Te quiero mucho".

Forza4.
|
This entry was posted on 2:18:00 and is filed under . You can follow any responses to this entry through the RSS 2.0 feed. You can leave a response, or trackback from your own site.