Recordos
3:35:00 | Author: forza4
Sempre me preguntei de que están feitos os recordos. Hai quen defende que están feitos de morriña, hai quen di que son maioritariamente imaxes, outros que son sons, mesmo hai quen defende que están feitos de olores, hai quen di que son a integración de todo.

Con todo, o crucial deles é a relación que temos con eles, e o seu significado, pois, uns meros recordos, un "mira, estiven alí, estaba tal ou cal persoa" só ten valor se ten un significado.

Precisamente, por esto mesmo, cecais sexan os recordos algo que nos axuda a aprender algo valioso na vida: somos o que somos en virtude do que significamos. E non se fala aquí de premios nin de viles metais ou cousas semellantes, senón daquelo que vai máis aló do puramente material e que é algo que nos identifica: os sentimentos.

E é que alguén é máis importante para nos, en virtude do que signifiquen os sentimentos que, o sinxelo recordo desa persoa, significa para nos.

Con todo este escenario, e se nos esquecemos por un intre de preconceptos varios, entón veremos como aquelo que moitas veces nos mostran como a orde do mundo, cae polo seu propio peso e se vé entón como unha mentira interesada, como unha explicación inventada que se torna, sinxelamente, unha excusa enorme para evitar recoñecer algo que, se ben o pensamos, ten grande evidencia: en xeral, enmascaramos os nosos sentimentos.

As razóns son varias, pero, como escribín certa vez, adoita estar entroncada cos nosos medos.

Para máis ler de medos, velaquí a ligazón: Dualidade: medo e escravitude (open.vieiros)

Forza4.
Da orde entrópica
2:59:00 | Author: forza4
Din en química que a entropía é a medida do desorde dun sistema.

Deste xeito, un gas ten máis entropía (desorde) que un líquido, posto que as súas moléculas pódense mover en tódalas direccións do recipinte ou lugar que ocupen, mentres que as dun líquido verían o seu movemento limitado un chisco polo das súas veciñas no mesmo líquido.

Mais se algo nos deixan claro na química é que, na natureza, a entropía tende, espontáneamente, a crecer, a incrementarse, ao infindo.

Pois esto, que pasa a nivel químico, tamén pasa (alomenos) na miña mente. A variedade de temas por minuto na miña mente, se comezo a deixar voar á cabeza, tende sempre a máis. Mesmo, aínda que na miña mente, en cada intre, só aniñe un tema, ao longo dunha conversa podo ir variando (por veces, de xeito casi imperceptible) de tema en tema.

Con todo, como xa teño dito aquí, resulta que veu á miña cabeza unha idea que, aínda que pareza un pouco arriscada ou mesmo tola, pode ter un atisbo de realidade: ás veces, incrementar ata o indecible a entropía, pode tender a reducila.

Por exemplo: Maxinémonos que a terra, de repente, fose unha grande plataforma sólida que tivera, aproximadamente, a forma externa que ten (con atmósfera,etc.). Maxinemos agora que existira só un pobo de seres, que, para máis sinxeleza, imos supoñer inmortais e non reproductores.

Poñamos que estes seres teñen un estrano gusto de poñer as súas pertenzas o máis lonxe posible de si. Ao final, evidentemente, estes seres deberían recorrer distancias inmensas tan só para buscar calquera cousa que necesitaran. A cousa é que cada vez hai máis cousas, e as distancias son máis longas. Nembargantes, dado que, aproximadamente, o perímetro da terra é duns 40.000 km., se levamos algo a máis de 20.000 km., entón seranos máis doado achegarnos a ese 'algo' polo outro lado da terra.

Se está a 21.000 km. da orixe, polo outro lado, estará a só 19.000.

Pois isto mismo pretendo facer coa miña mente, dalgún xeito: dispersar tanto o pensamento que a dispersión se acabe convertindo en concentración. É dicir, que por medio dalgún xogo mental, convirta unha serie de pensamentos asociativos diverxentes, nunha serie que, finalmente, converxa no punto no que me quero concentrar.

Como o meu pensamento me leva a pensar: "Do mesmo xeito que o grande e o pequeno, a luz e as tebras, o día e a noite, non son máis que expresións da mesma realidade; así a diverxencia pode converxer, os opostos adoitan atoparse, e, ao fin, todo ten un punto de achegamento".

¿Que opinades?

Forza4.
Ela...
2:31:00 | Author: forza4
Tan sinxela e é a solución para moitos dos nosos problemas. De feito, ela axúdanos a estar en paz con nos mesmos e cos demáis, e mesmo a querernos e querel@s.

Ata o problema máis dificultoso sería mesmo doado de resolver se sempre a consideraramos á hora de avaliar calquera problema, de calquera tipo. E, se mesmo o utilizaramos coas persoas de máis preto (e mesmo de máis lonxe), mesmo non importaría que fosen impostores, que nos tentasen dicir moitas cousas falsas, porque ela sempre nos presentaría a verdade para que non nos creramos as cousas ao pé da letra e sacaramos as nosas conclusións, e mesmo, nos mostraría que, mesmo para aqueles e aquelas que nos queren, non sempre é viable dicirnos a total e pura verdade.

E así, é máis doado vivir, e resulta máis dificultoso perturbarnos neste mundo que, á luz dela, sempre é máis transparente.

O seu nome é comprensión.