Nómadas
14:02:00 | Author: forza4
Durmía. Durmía pracenteiramente. A súa tersa e clara pel daba a sensación de ser suave, coma o tenro agarimo da brisa refrescante nunha calorosa mañá de verán.

Mentres a música aloumiñaba os seus tímpanos, a súa face transmitía paz.

Pouco a pouco, espertou, como unha bolboreta que sae da súa crisálida por primeira vez á vida aérea. O seu ollar esteundeu as ás lumínicas da súa alma ao seu redor.

Pronto, xurdiu a conversa. No seu mirar, latexaba a luz da ilusión pola vida, da curiosidade polo que virá, polo descoñecido. A súa é desas olladas que ven máis alá, e que máis aló de ver, miran.

Entón veu a pregunta da orixe de cada quen. Ela non tiña lugar fixo, estaba buscando o seu lugar no mundo, onde o traballo a chamara, alí iría. Prefería o verde campo á ateigada cidade. E o destino daquel autobús non era máis que unha estación nunha viaxe só un chisco máis longa.

Ela é unha nómada dos nosos tempos, aínda que recoñece que o seu obxectivo é chegar a ser algo máis sedentaria.

Mais... despois de todo, eu tamén son algo nómada. Tal vez, algo máis 'nómada virtual', no senso da canción de Guillo "Ces't dans l'ere":

DES AILES SUR MON FAUTEUIL DE BUREAU
JE SURVOLE ET JE PARCOURS LE RESEAU
J’AI LE DON D’UBIQUITE PLANETAIRE
ENFANT DE LA NOUVELLE RACE
DES NOMADES SEDENTAIRES

DAS ÁS SOBRE A MIÑA BUTACA DE OFICINA
SOBREVOO E PERCORRO A REDE
TEÑO O DON DA UBIQUIDADE PLANETARIA
NENO(A) DA NOVA RAZA
DOS NÓMADAS SEDENTARIOS
Quizá o seu nomadismo non sexa sedentario, pero ambos, somos nómadas na procura do noso lugar no mundo.