Realidades
4:59:00 | Author: forza4
De casualidade, apareceu nas nosas vidas. Veu pola necesidade de crecer, de alcanzar novos horizontes.

No seu ollar, unha mestura emocionante e vital. A luz da mañá fúndese cos azos de chegar a vieiros novos. E cada día, imbúe a cada verba, a cada movemento, a cada sorriso, ese ímpetu vital de quen leva o sol no corazón, a mente limpa e ceibe e un corazón que se mostra ceibe, voando fora de todo roce de prexuizos.

É desas persoas das que un pensa que, de non existir, habería que inventalas; e que mellor que existan, posto que aínda que inventala quixeramos, nunca íamos dar no cravo do xeito en que a natureza seleccionou esa mestura de ledicia, intelixencia, sentido, paciencia, e tantas outras cousas boas.

E por riba de todas elas, destaca unha da que nos imbúe a todos: Ilusión.

Forza4
Alborada Nova
0:54:00 | Author: forza4
Xa chega un novo alborexar. Xa pintan os ceos grises, por veces, e o frío vai tinguindo a paisaxe de novas cores.

O que antes era da cor da carne, agora é de múltiples cores, que van dende a imitación da cor que, anteriormente agardabamos atopar, ata outros que nunca se pensarían para o propio coiro dun ou dunha.

Namentres, a natureza comezará a cambia-lo verde polo ocre, e, logo, chegará, posiblemente, un tempo no que o ocre ceda o paso á cor das árbores, non mortas, mais si durmidas no sono profundo do inverno.

A natureza evoluciona, cara un maior recollemento, e garda folgos para cando, de novo, a primavera chegue aos nosos ríos, vales, montañas, agardemos máis húmidas ca hoxe, e, mesmo, máis húmidas que os pasados anos.

E agardemos de que os seres humanos nos demos conta que estamos estragando aquelo que ten un enorme e decisivo valor para a nosa vida, e sen o cal non poderemos vivir en absoluto: o noso fogar no universo.

Forza4.