Alfa e Omega
13:48:00 | Author: forza4
É curioso como os opostos se dan a man, como se complementan, e, nalgún momento, chegan a semellar curiosas pérolas de casualidade.

Por exemplo, aínda que eu non teña precisamente cualidades musicais, nacín xusto un mes despois de que morrera "O Rei do Rock", Elvis.

Pois nunha desas casualidades, me ten a vida agora. Onte, ou un destes días morreu unha estudante de Empresariais de Santiago.

Chamábase María. A Tardiña da súa vida chegoulle cuns 23 anos. Os/as seus amig@s (algunha das amigas, común a min) e a súa familia estan que non o cren...
Mais eu sempre pensei, que nesta existencia nosa, realmente nada remata... e que a vida que semella irse, queda nos que ficamos aquí, a vida 'física' queda en nos.

Curiosamente... hai uns 2 meses, naceu 'Jose Manuel'. El é a ledicia de Tania e Jose, os seus pais, que ven como un novo ollar agroma á vida... A luz prende nos seus ollos como nos dos seus pais nun sorriso universal.

Por iso... aproveitemos a vida... e aqueles e aquelas que levamos no corazón, tanto na existencia aquí, como en calquera outro tipo de existencia, honrémolos cos nosos éxitos, e dediquémoslle-las ensinanzas que nos brindan os fracasos ou semi-fracasos da vida.

Dende aquí, a máis sentida noraboa a Tania e Jose, como a máis grande aperta que acompaña no sentimento, @s familiares de María, como aos/ás seus amig@s e compañeir@s.

Forza4.
Lugoslavia
3:36:00 | Author: forza4
Chegaba tarde. Coma sempre, bastante tarde: ¡¡5 minutos!!. Non sabía o que me agardaba. Evitaba correr o que podía pero... debía apurar, e así fixen, apurei o paso, pero ao final, non podía evitar correr.

Ao chegar, como fun pola outra banda, salteime unha cola kilométrica. Cando chego, ¿que? ¿que non hai entradas?. ¡¡Que decepción!!. ¡¡Eu quero entrar!!. Algúns e algunhas, recuaban frustrados.

Eu, non debía recuar: segundo me informaron, dentro estaban persoas coas que eu quedara. Non me valía quedar fóra. Debía entrar. Fun á porta...recuei a taquilla, non había máis... as entradas que quedaban eran as de protocolo e prensa, e o sitio xa estaba a rebosar.

Collín e agardei pacientemente na entrada. Entrei de tapadillo, aínda que sabía que a da entrada me controlaría. Díxenlle ir ao posto das camisetas. Así fixen. Non lles merquei ningunha, pero xa as vin, e pode que un día destes, se os atopo outra vez, lles merque unha.

Logo púxenme ao lado da porta. Ata era case mellor así. Aparte de que había aínda unha chea de xente, agolpándose, agardando por entraren e distribuirse.

Pasaba o tempo. Os da porta estaban desbordados. Os da taquilla xa non sabían que dicir. Todo se saíra do habitual: chegara un certo caos, co que, curiosamente, ata me sentín bastante cómodo.

De súpeto, chegou a oportunidade que agardaba:

Un home xa non podía máis. O/A súa acompañante (supoño que feminina, aínda que non estou seguro) non chegara. Díxenlle que lle mercaba a entrada. El dixo que aínda agardaba por esta persoa un chisco máis (non o comprendera eu ben). Entón... quedamos en que se non aparecía ma vendería, como así foi.

Na voráxine que veu despois, esquecinme do seu nome. Podería ser Agustín ou algún outro nome que comezara por A.

Encantado por unha sorte que eu intuía, ou quería crer que chegaría , funme a onde agardaba atopar ao grupo de xente co que quedara. Alí, xusto onde agardaba que estiveran, apareceron. E á súa beira, un asento libre.
Tiña intención de agradecérlle-lo detalle de gardarme o sitio, mais dixéronme que realmente non mo gardaran: a chaqueta dunha desas persoas no único asento libre ao seu lado, bastou para que o sitio non se ocupase.

Este grande cúmulo de casualidades...permitiume disfrutar dunha montaxe excepcional con Quico Cadaval, Carlos Blanco e "Cool Hamsters". Mentres uns poñían o humor, os outros a música, con alma de Jazz.

O que me decepcionou un pouco foi que Quico Cadaval falase moi pouco de Lugoslavia. Pero en fin... outra vez será.

Iso si, se me puidera atopar co home que me vendeu a entrada, gustoso o invitaría a un café. É o mínimo que merece como compensación a todo o nerviosismo que ese home debeu sentir.

Forza4.